Saturday 04 de May de 2024

A Xunta avanza co Goberno Central na modernización e a mellora do servizo na Administración de Xustiza


― O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe por videoconferencia na conferencia sectorial entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades

― No encontro abordouse a necesidade de destinar os fondos europeos neste ámbito á adaptación das infraestruturas tecnolóxicas xudiciais e ao impulso da mediación

― O Ministerio e as autonomías acordaron que para a distribución dos fondos se teñan en conta criterios como o número de asuntos pendentes, de funcionarios e de partidos xudiciais, así como a taxa de despoboamento

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe por videoconferencia na reunión da Conferencia Sectorial entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades con competencia na Administración de Xustiza, na que se abordou a necesidade de destinar os fondos de resiliencia para este ámbito no marco dos fondos europeos Next Generation á modernación das infraestruturas e á posta en marcha de servizos en materia dixital nas actuacións xudiciais.

Pese a que o Goberno central non concretou no encontro a cantidade global deste fondo para 2022 e, por ende a correspondente a cada autonomía, acordouse que para a súa distribución se tivesen en conta criterios como os asuntos pendentes en cada territorio, o número de funcionarios da Administración de Xustiza, o número de partidos xudiciais e a súa taxa de despoboamento.

A Xunta aposta por seguir traballando na modernización e adaptación da Administración de Xustiza ás novas tecnoloxías e que estes fondos se dirixan, como se tratou na reunión, ao reforzo das videoconferencias, á implantación das salas de vistas dixitais ou ao fomento do teletraballo e a cita previa.

Nesta liña, o Goberno galego continuará tamén pola súa parte a avanzar no marco do Plan Senda na posta en marcha de novas salas de vistas xudiciais que se sumarán as xa activadas o ano pasado, así como no incremento da rede de videoconferencias, que viu xeneralizado o seu uso debido á covid-19 ou á consolidación do teletraballo, que xa empregan un terzo dos funcionarios xudiciais.

Ademais, acordouse que parte deses fondos europeos se invistan tamén no impulso de medios alternativos á solución de conflitos xudiciais como a conciliación, a arbitraxe ou a mediación.
Entre outras das medidas abordadas destaca tamén a posibilidade de transformar os actuais xulgados unipersonais en tribunais de instancia coa agrupación dos xuíces dunha mesma xurisdición ou dos xulgados de paz en oficinas de xustiza dos municipios con competencias tamén na xestión de trámites coas administracións públicas.

Tamén se consensuou a elaboración dun documento de seguridade laboral para os órganos xudiciais do conxunto de España no escenario postpandemia e, por outra banda, dun plan de igualdade común aplicable en tódalas comunidades.